Os bonos mensuais do bus urbano, a metade de prezo ata final de ano

Pontevedra
01 de setembro 2022

Durante o próximos catro meses, viaxar nas dúas liñas de transporte urbano da cidade de Pontevedra sairá máis barato aos seus usuarios. A Xunta de Galicia aplicará un desconto do 50% nos bonos mensuais, así como nas viaxes asociadas ás tarxetas galegas de mobilidade

Unha das liñas do autobús urbano de Pontevedra
Unha das liñas do autobús urbano de Pontevedra / Mónica Patxot

Durante o próximos catro meses, viaxar nas dúas liñas de transporte urbano da cidade de Pontevedra sairá máis barato aos seus usuarios. A Xunta de Galicia aplicará un desconto do 50% nos bonos mensuais, así como nas viaxes asociadas ás tarxetas galegas de mobilidade.

Este desconto, activo entre o 1 de setembro e o 31 de decembro, beneficia ao transporte urbano pontevedrés porque, do mesmo xeito que o de Ferrol, opera con concesións autonómicas.

A bonificación que impulsa a Xunta de Galicia abarca no seu conxunto aos prezos de todas as liñas do transporte público autonómico, aínda que a rebaixa estenderase tamén ao transporte da ría de Vigo e ao ferrocarril na área de Ferrol.

Será o goberno galego o que adiante o diñeiro e aplique esta bonificación. O seu presidente, Alfonso Rueda, enmarcou esta medida nunha aposta pola mobilidade sostible.

Ademais de destacar que o desconto contribuirá á competitividade e ao emprego dun sector moi relevante na vertebración do territorio, Rueda subliñou a aposta "sen precedentes" da Xunta no ámbito do transporte público.

“Para a Xunta a mobilidade é algo estratéxico”, afirmou, en referencia ao esforzo e aos investimentos destinados á construción de infraestruturas, á renovación integral das liñas de transporte interurbano e ás bonificacións xa implantadas.

En total, o executivo autonómico financia máis do 76% do custo das 3.400 liñas de transporte interurbano que operan en Galicia, ás que se destinan 80 millóns de euros ao ano.