Os "bos días" a ritmo de panxoliña

Pontevedra
11 de decembro 2019

O Coro do Campus de Pontevedra recibiu este mércores a primeira hora da mañá con panxoliñas a todas as persoas que entraban na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte

Actuación sorpresa do Coro do Campus
Actuación sorpresa do Coro do Campus / Universidade de Vigo

O Coro do Campus de Pontevedra recibiu este mércores a primeira hora da mañá con panxoliñas a todas as persoas que entraban na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte.

"Máis que un concerto, tratábase simplemente dunha entrada musical" pensada para estas datas previas ao Nadal e dirixida a pór en valor "que a música é importante para reunir ás persoas", sinalou o director do coro e profesor da facultade, Marco Lucato.

No repertorio houbo espazo tanto para panxoliñas en galego como para o Jingle Bell Rock.

Foi a primeira actuación no presente curso dun coro formado actualmente por 25 persoas, na súa meirande parte alumnado do Programa de Maiores.

Para o segundo cuadrimestre teñen previsto participar en intercambios ou encontros de corais.