Os Campos convértese en "unha entrada digna" a Monte Porreiro

Pontevedra
28 de abril 2016

As obras no viario de acceso ao barrio e á UNED atópanse na súa fase final. "Resolve o tema da accesibilidade, beirarrúas e co soterramento da liña electrica vai gañar tamén a nivel estético", asegura o concelleiro Luís Bará. Investíronse preto de 200.000 euros

Reforma da Rúa dos Campos
Reforma da Rúa dos Campos / PontevedraViva

O barrio de Monte Porreiro e a sede pontevedresa da UNED contan ao fin con "unha entrada digna" a través dos Campos.

Así o asegurou o concelleiro Luís Bará tras visitar xunto ao alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, os traballos finais de remodelación deste viario, unha obra "moi necesaria".

"Calma o tráfico, resolve o tema da accesibilidade, beirarrúas e co soterramento da liña electrica vai gañar tamén a nivel estético", asegurou o edil.

Nesta fase de reforma, con resposición do viario, creación de beirarrúas, colocación de pasos de peóns elevados ou a creación dunha rotonda na entrada da Universidade investíronse 197.627 euros.

Trátase da actuación principal deseñada na zona. Falta aínda executar os traballos de ocultación da liña eléctrica que "en dous ou tres meses deberían estar rematados" e pequenos retoques no exterior da antiga escola unitaria.