Os cans máis áxiles de Galicia volverán competir en Pontevedra

Pontevedra
23 de xaneiro 2023

Medirán a súa velocidade e destreza en Lérez o sábado 4 e o domingo 5 de xaneiro en dúas probas da Liga Autonómica de Agility e no Trofeo Cidade de Pontevedra da disciplina

Proba de 'agility' disputada en Marcón
Proba de 'agility' disputada en Marcón / Cristina Saiz

Os cans máis áxiles de Galicia volverán medir a súa velocidade e destreza os días 4 e 5 de febreiro na Área Recreativa de Couso (Lérez) en dúas novas probas da Liga Autonómica de Agility, puntuables para o Campionato de España, e no Trofeo Cidade de Pontevedra, ámbolos eventos organizados polo colectivo DivertiCans en colaboración coa Concellería de Benestar Animal. 

Neles participarán un centenar de animais e competidores pertencentes a clubs das catro provincias galegas, como Ourencan (de Ourense), Canedupo (de Lugo), Lobos de Naraío e Costa Verdecente (de Ferrol), Cococan (de Coruña), Mascoguau (de Santiago), Wecan (de Nigrán), Thunderdogs (Pazos de Borbén) ou Patas (Moaña).

As probas celebraranse o sábado 4 pola tarde, a partir das 16:00 horas, e o domingo 5 pola mañá, a partir das 9:00 horas. A entrada para desfrutar deste espectáculo será totalmente gratuíta, podendo asistir a competicións de diversas categorías, de infantil e sénior ata iniciación e alta competición, coa presenza confirmada de varios campións de España.

O agility consistente en guiar aos cans para que percorran un circuíto cheo de obstáculos no menor tempo posible e co mínimo número de erros ou faltas, no que o animal debe entender os sinais verbais, sonoros e xestuais do seu guía, que terá que decidir as estratexias a seguir combinando velocidade e precisión. O concepto de agility para cans naceu en 1977, cando se propuxo a creación dunha actividade de entretemento diferente para o público que acudía a ve-las exposicións caninas en Inglaterra. A idea baseouse nas competicións de hípica.

Dentro do agility existen tres categorías: S ‘Mini’ (pequena), para cans con menos de 35 centímetros de altura á cruz; M ‘Midi’ (mediana), para os que teñen 35 centímetros ou máis e inferiores a 43 centímetros, e L ‘Standard’ (grande), para os de 43 ou máis centímetros. Asemade, divídense en tres graos: Grao I, considerado o nivel básico ou elemental; Grao II, que corresponde a unha dificultade media, e Grao III, que constitúe o máximo escalafón da modalidade de Agility Rsce (Real Sociedade Canina de España).

 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora