Os casos activos de Covid baixan a 856 tras unha xornada con 38 novos positivos na área sanitaria

Pontevedra
10 de decembro 2020

Segundo os datos ofrecidos este xoves 10 de decembro polo Servizo Galego de Saúde 51 pacientes positivos por Covid permanecen ingresados en hospitais de Pontevedra e O Salnés, 9 deles na Unidade de Coidados Intensivos

Entrada de Urxencias no hospital de Montecelo
Entrada de Urxencias no hospital de Montecelo / Mónica Patxot

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) actualizou este xoves 10 de decembro os datos relativos á pandemia na área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés.

Segundo este balance a cifra de casos activos de coronavirus sitúase nos 856, o que supón un descenso de 15 casos con respecto ao mércores. Isto sucede a pesar terse detectado 38 novos positivos, xa que o número de altas epidemiolóxicas é máis elevado ao superar a infección nas últimas horas 53 persoas.

Desde o inicio da alerta sanitaria superaron a Covid un total de 4.948 pacientes da área, rexistrándose 67 falecementos asociados ao virus. Os últimos este mesmo mércores cunha muller de 92 anos no hospital de Montecelo e outra de 85 no QuirónSalud Miguel Domínguez, ambas as residentes do centro de maiores Soremay de Pontevedra.

En canto aos hospitais da comarca manteñen ingresadas a 51 persoas positivas por coronavirus, das que 9 evolucionan na Unidade de Coidados Intensivos e 42 en planta de hospitalización entre o Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (34), o Hospital do Salnés (5) e o Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez (3).

Nas últimas 24 horas procedeuse á realización de 570 test  PCR, que se engaden aos 97.911 efectuados con anterioridade.

DATOS DE GALICIA

A nivel autonómico o total de pacientes con infección activa é de 5.795, o que supón un descenso de 232 casos. Deles 321 atópanse hospitalizados en planta (-3) e 50 evolucionan na Unidade de Coidados Críticos (-1).

Nas últimas horas en Galicia confirmáronse 255 contaxios a través de probas PCR e faleceron 6 persoas, o que sitúa en 1.287 o número mortes asociadas á pandemia.

Por áreas sanitarias, Vigo conta con 1.425 casos activos (-74), A Coruña 1.146 (-47), Pontevedra 856 (-15), Santiago 817 (+32), Lugo 591 (-15), Ferrol 596 (=) e Ourense 364 (-13).