Os casos activos de covid non frean o seu ascenso e son xa 7.494 tras unha xornada con 507 novos contaxios

Pontevedra
07 de xaneiro 2022

Segundo o balance diario publicado este venres 7 de xaneiro pola Consellería de Sanidade 48 persoas positivas por coronavirus atópanse hospitalizadas na Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, 8 delas na Unidade de Coidados Intensivos

Punto de vacinación contra a covid
Punto de vacinación contra a covid / Mónica Patxot

Unha xornada máis a Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés marca o seu máximo rexistro histórico de casos activos de coronavirus, con 7.494, segundo reflicte este venres 7 de xaneiro o balance diario ofrecido polo Servizo Galego de Saúde.

Esta cifra supón un incremento de 140 casos na última xornada, atenuado por un elevado número de altas epidemiolóxicas (367 persoas superaron a infección), xa que foron 507 os novos contaxios sumados ás estatísticas.

En canto á atención hospitalaria, son 48 as persoas infectadas que se atopan ingresadas, das cales 8 evolucionan na Unidade de Coidados Intensivos de Montecelo e 40 fano en planta repartidas entre o Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (33), o Hospital do Salnés (3) e o Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez (4).

Desde o inicio da pandemia superaron a covid 25.270 persoas na área pontevedresa, rexistrándose 234 falecementos de pacientes con positivo activo, os últimos notificados este xoves, un home de 91 anos no Hospital do Salnés e outro home de 90 anos en Montecelo.

En canto á realización de probas nas últimas 24 horas o Sergas fixo 1.616 PCR en Pontevedra e O Salnés.