Os casos activos de covid seguen a súa escalada ata os 2.361 tras detectarse 213 novos contaxios

Pontevedra
19 de decembro 2021

A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés conta ademais con 47 persoas positivas en coronavirus ingresadas nos hospitais da comarca, a mesma cifra que o sábado pese ao falecemento nas últimas horas dunha muller de 70 anos que evolucionaba no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra

Punto de realización de probas PCR no Hospital Provincial
Punto de realización de probas PCR no Hospital Provincial

A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés segue sen poder poñer freo á tendencia ascendente de contaxios e casos activos de coronavirus, e este domingo 19 de decembro colocouse na cifra de 2.361 infeccións activas.

Esta cifra actualizada á primeira hora da xornada polo Servizo Galego de Saúde supón un incremento de 111 casos activos con respecto ao sábado, tras sumarse ás estatísticas nas últimas horas 213 novos contaxios e producirse 102 altas epidemiolóxicas.

Pola súa banda o número de hospitalizados na área pontevedresa segue a ser de 47, a mesma que o día anterior a pesar de notificarse un falecemento, o dunha muller de 70 anos que se atopaba ingresada no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHOP).

Do resto de afectados que necesitan atención hospitalaria 39 permanecen en planta repartidos entre o CHOP (29), o Hospital do Salnés (6) e o Hospital  QuirónSalud Miguel Domínguez (4), mentres que 8 persoas evolucionan na Unidade de Coidados Intensivos de Montecelo.

Desde o inicio da pandemia superaron o coronavirus 22.305 persoas en Pontevedra e O Salnés, rexistrándose 217 falecementos de pacientes con positivo activo por covid.

En canto á realización de probas, na última xornada o Sergas fixo 1.675 PCR na área sanitaria.

DATOS DE GALICIA

A nivel autonómico, Sanidade informa este sábado de que o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 15.348, o que supón 551 máis que na xornada anterior.

Do total de casos activos, 2.329 son da área da Coruña, 993 de Lugo, 2.648 de Ourense, 2.361 de Pontevedra, 4.980 de Vigo, 1.477 de Santiago e 560 de Ferrol.