Os casos activos de covid seguen en descenso pero a UCI de Montecelo sobe a súa ocupación ata os 8 ingresados

Pontevedra
10 de agosto 2021

Segundo a información que traslada o Servizo Galego de Saúde, este martes 10 de agosto os hospitais da área sanitaria contan con 36 persoas positivas por coronavirus ingresadas, dous máis que o luns. Na última xornada sumáronse 69 novos contaxios ás estatísticas

Hospital de Montecelo
Hospital de Montecelo / Cristina Saiz

A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés conta a martes 10 de agosto con 2.029 casos activos de covid, o que supón un descenso de 80 con respecto á xornada anterior.

Segundo informa o Servizo Galego de Saúde nas últimas 24 horas sumáronse ás estatísticas 69 novos contaxios, amortecidos polas 149 altas epidemiolóxicas dadas que manteñen a tendencia á baixa na afectación xeral.

As cifras que soben por segundo día consecutivo son as que afectan os hospitais da comarca, nos que permanecen ingresados 36 pacientes positivos por coronavirus (dous máis). Deles 8 evolucionan na Unidade de Coidados Intensivos de Montecelo, e o resto fano en planta repartidos entre o Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (24), o Hospital do Salnés (3) e o Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez (1).

Desde o inicio da pandemia superaron o virus 17.985 pacientes da área sanitaria, rexistrándose 191 falecementos de pacientes con positivo activo.

O Sergas sinala ademais que ao longo da última xornada realizáronse 441 probas PCR.

DATOS DE GALICIA

Segundo informa a Dirección Xeral de Saúde Pública o número de casos activos de coronavirus en Galicia sitúase nos 16.471 (-353), dos que 4.599 (-20) son da área da Coruña, 1.834 (-80) de Lugo, 1.234 (-41) de Ourense, 2.029 (-80) de Pontevedra, 4.026 (-72) da área de Vigo, 1.753 (-51) de Santiago e 996 (-9) da de Ferrol.

Do total positivos, 54 evolucionan na UCI (-1), 291 en unidades de hospitalización (+5) e 16.126 no seu domicilio.

En Galicia rexistráronse 2.494 falecementos de persoas con positivo activo por coronavirus (+1).