Os cemiterios municipais prepáranse para o día de Todos os Santos

Pontevedra
23 de outubro 2021

O Concello leva semanas facendo tarefas de reforzo do mantemento das instalacións e tamén de limpeza e recollida de lixo nos camposantos. Incrementouse o número de colectores para recoller os residuos, que aumentan considerablemente debido á limpeza que realizan os particulares dos seus nichos ou panteóns

Traballos para a posta a punto do cemiterio de San Amaro
Traballos para a posta a punto do cemiterio de San Amaro / Concello de Pontevedra

Os cemiterios municipais de Pontevedra están a prepararse para a xornada do ano no que adoitan recibir máis visitas, o Día de Todos os Santos. A posta a punto comezou xa hai varias semanas cun reforzo do traballo habitual de mantemento diario que se realiza durante o resto do ano. 

O obxectivo municipal é manter os camposantos en boas condicións de uso e de recepción de visitantes de cara ao 1 de novembro. Para logralo, ademais destas tarefas de reforzo do mantemento das instalacións, tamén haberá un reforzo de limpeza e recollida de lixo nos camposantos do concello. Nestas semanas incrementouse o número de colectores para recoller os residuos que aumentan considerablemente debido á limpeza que realizan os particulares dos seus nichos ou panteóns.

Ademais, o servizo de recollida de lixo está a realizar unha recollida diaria nestes días previos ao 1 de novembro para que estes espazos dean servizo aos veciños e veciñas de Pontevedra que se achegan aos camposantos. 

Como sucede cada ano, o 1 de novembro activarase un plan de tráfico no ámbito dos cemiterios de San Amaro e de Lérez, os que reciben máis visitas.

As tarefas postas en marcha durante as últimas semanas polo departamento que xestiona a concelleira Carme Fouces inclúen traballos de xardinería, limpeza e roza nos cinco cemiterios municipais, San Amaro, Bora, Campañó, Lourizán e Ponte Sampaio. 

Así, procedeuse á poda das árbores e tala das que se atopen en mal estado, poda de sebes e plantas (camelias, rosas, etc..), corte da herba, roza da parcela de 5.000 metros cadrados do cemiterio de San Amaro, plantación de plantas de tempada, chorreo con auga a presión da zona pavimentada dos cemiterios e limpeza de elementos de mobiliario e de canles de recollida de auga.

Ademais, procedeuse ao arranxo das fochas nas rúas de terra dos cemiterios, á revisión das tapas de rexistro existentes nos cemiterios e á reposición da iluminación pública.

Tamén se realizou nesta semana o bacheado da rúa San Amaro para resolver pequenos problemas do pavimento.