Os centros de día prestarán atención terapéutica individual con cita previa

Pontevedra
11 de xuño 2020

Esta atención deberá garantir sempre todas as medidas de seguridade e hixiene necesarias. O resto de actividades poderán retomarse unha vez finalice a formación específica do persoal, conte co material de protección axeitado e protocolos adaptados a cada centro e dea luz verde a autoridade sanitaria

Encontro telemático de Núñez Feijóo e Fabiola García con colectivos da discapacidade
Encontro telemático de Núñez Feijóo e Fabiola García con colectivos da discapacidade / Xunta de Galicia

A Xunta de Galicia autorizará a apertura dos centros de día e centros de discapacitados que, inicialmente, non ían a reabrir ata setembro. Farano, iso si, só para prestar atención terapéutica individual con cita previa aos seus usuarios.

Esta atención, segundo traslada o goberno galego, deberá garantir sempre todas as medidas de seguridade e hixiene necesarias.

Así llo trasladaron aos representantes das principais federacións de entidades de discapacidade, o Cermi-Galicia, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e a conselleira de Política Social, Fabiola García.

O resto de actividades poderán retomarse unha vez finalice a formación específica do persoal, conte co material de protección axeitado e protocolos adaptados a cada centro e dea luz verde a autoridade sanitaria.

Unha vez se cumpran esas condicións e a autoridade sanitaria dea a súa autorización, os centros poderán retomar progresivamente o seu funcionamento.

A Xunta asegura que prefire ser "prudente" na apertura dos centros de día, pero entende que se debe "dar resposta" ás necesidades que poidan ter as persoas maiores ou con discapacidade e as súas familias, polo que opta por este retorno "progresivo".