Os centros de ensino público de Monte Porreiro teñen colgada ás portas dos seus colexios unha pancarta co lema "X aniversario da fusión. Celebrando a escola pública de Monte Porreiro". A colocación desta pancarta fíxose logo da reunión que mantiveron todas as entidades do barrio, coas comunidades educativas e tamén o Concello no CEIP Marcos da Portela.
Estará nos institutos durante todo o curso e é unha das actividades incluídas dentro da programación de actos de celebración do X aniversario da escola pública do barrio.
Ademais da instalación destas lonas e do magosto que celebrou o barrio o pasado 5 de novembro, a programación de celebración do X aniversario da escola pública de Monte Porreiro complétase con outras accións como actuacións do grupo Migallas nos dous centros de ensino ou a proxección dunha curtametraxe de Fina Casalderrey.
Os actos rematarán o vindeiro 1 de decembro cunha homenaxe na Casa da Cultura ás persoas que loitaron pola educación pública e de calidade. Será a partir das 19.00 horas e está previsto a proxección dun audiovisual; unha actuación musical; a entrega dun agasallo ás persoas que tiveron un papel destacado na fusión.
Hai unha década que a reordenación dos centros educativos de Infantil e Primaria deron lugar ao nacemento da EEI Fina Casalderrey e o CEIP Marcos da Portela como un continuo educativo, deixando atrás a desaparecida escola dos Campos, o colexio Paio Gómez Charino e a liña infantil do entón CEIP Marcos da Portela.
A reivindicación do ensino público e a loita dun barrio pola cualidade educativa está detrás da celebración. A denuncia dos pais, profesores e a veciñanza do mal estado dos centros escolares do barrio e mais a esixencia dunha educación pública e de calidade merece o recoñecemento do traballo feito. A implicación de todos fixo posible dotar a Monte Porreiro dunha oferta educativa axeitada e con futuro, un paso máis na construción da identidade dun barrio que hoxe é modelo de convivencia.