Os centros de vacinación masiva abrirán este sábado sen cita previa para maiores de 12 anos

Pontevedra
08 de setembro 2021

Os centros de vacinación masiva abrirán sen cita previa para que todo aquel que queira poida acudir a recibir a súa primeira dose. Ademais, con motivo do comezo do curso universitario, os días 13 e 14 de setembro habilitaranse puntos de vacinación nos sete campus, tamén sen cita previa

Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia
Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, anunciou que este sábado abrirán os centros de vacinación masiva sen cita previa para que todo aquel que queira poida acudir a recibir a súa primeira dose.

Ademais, con motivo do comezo do curso universitario, os días 13 e 14 de setembro habilitaranse puntos de vacinación nos sete campus dispoñibles para todo o persoal do campus universitario, tamén sen cita previa.

O obxectivo da Xunta é que o 19 de setembro estean vacinados todos os maiores de 12 anos, con excepción das repescas.

A día de hoxe, o 92,5% da poboación diana teñen polo menos unha dose e o 85,8% ten a pauta completa. Isto sitúa a Galicia como a segunda comunidade cos mellores datos, tanto en primeira dose como en pauta completa. Fronte ao 89% de vacinas dispensadas en España, Galicia puxo o 97% das doses recibidas.

Feijóo destacou que Galicia atópase nunha "situación de tranquilidade dentro do que é estar nunha pandemia".

A boa evolución da situación sanitaria tamén se aprecia en que a ocupación hospitalaria descende paulatinamente, aínda que este indicador tarda máis que outros. Galicia é das comunidades con menor ocupación tanto en UCI como en planta.

A taxa de positividade, que chegou a triplicar o 5%, atópase xa por baixo desta cifra, se se computan PCR e test de antíxenos. Ademais a incidencia acumulada en todas as áreas sanitarias está por baixo de 300 e 100 casos por cen mil habitantes a 7 e 14 días.

A área de Pontevedra e O Salnés ten menos de 50 de incidencia acumulada.