Os chuvascos intermitentes e a inestabilidade meteorolóxica marcarán o tempo desta semana

Pontevedra
04 de marzo 2019

A alternancia de períodos de ceos moi anubrados con outros de nubes e claros será o factor principal que definirá o tempo desta semana. As temperaturas serán as normais para esta época, lixeiramente inferiores ás da semana anterior, e as chuvias estarán presentes todos os días, producíndose de xeito intermitente. 

Imaxe de satélite de Meteogalicia do luns 4 de marzo
Imaxe de satélite de Meteogalicia do luns 4 de marzo

A alternancia de períodos de ceos moi anubrados con outros de nubes e claros será o factor principal que definirá o tempo desta semana. As temperaturas serán as normais para esta época, oscilando entre os 8 e os 16º, lixeiramente inferiores ás da semana anterior, e as chuvias estarán presentes todos os días, producíndose de xeito intermitente. 

Para o luns, como consecuencia da fronte do domingo, espéranse chuvascos illados e ocasionais en alternancia con nubes e claros, acompañados de aire frío. 

Segundo a previsión de Meteogalicia, o martes agárdase a chegada dun sistema frontal asociado a unha borrasca que pasará moi preto de Galicia e deixará ver os seus efectos especialmente na franxa atlántica. Isto provocará un aumento progresivo das nubes ao longo do día, chegando as chuvias a partir do mediodía. A borrasca irá avanzando de oeste a leste, de xeito que pola noite as precipitacións afectarán a todo o territorio autonómico, con ventos fortes soprando do sur. 

O mércores continuará na liña de inestabilidade, con influencia das baixas presións e entrada de aire frío. Espéranse chuvascos puntualmente intensos, ocasionalmente acompañados de sarabia. 

A partir do xoves continuará a influencia das borrascas, con ventos do suroeste que deixarán máis nubes e maior probabilidade de precipitación na franxa atlántica. As temperaturas manteranse entre valores similares ao resto da semana.

 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora