Os ciclistas propoñen a entrada de vehículos pesados a Ence pola avenida de Marín

Pontevedra
12 de agosto 2015

Masa Crítica mantivo unha xuntanza con Marea Pontevedra para explicar as súas demandas. Entenden que coa entrada pola PO-11 aumentaría a seguridade para os ciclistas na antiga estrada vella a Marín, por onde agora teñen que circular. Tamén piden unha solución para a ponte da Barca  

Xuntanza entre Masa Crítica e Marea Pontevedra
Xuntanza entre Masa Crítica e Marea Pontevedra / Mónica Patxot
Masa Crítica explica que a terceira vía na avenida de Marín para o acceso de vehículos pesados está ben vista por Ence /

A agrupación ciclista Masa Crítica mantivo unha reunión este mércores na sede de Marea Pontevedra con representantes desta formación política para tratar as diferentes preocupacións que se encontran os ciclistas no ámbito da cidade e, principalmente, tras a prohibición de circular pola avenida de Marín.

Neste sentido, ambos os dous colectivos coincidiron na necesidade de reducir o número de vehículos pesados que transitan pola estrada vella de Marín, a PO-546, a única alternativa coa que contan para acceder a esta vila. Por este motivo, propoñen que se cree un terceiro carril dende a depuradora ata Ence para que poidan acceder os vehículos pesados pola PO-11, a avenida de Marín.

Manuel Torres, de Masa Crítica, indicou que os representantes de Ence se mostraron de acordo con esta proposta na reunión que mantiveron con eles ao indicar que contan cunha báscula situada fronte á ría para que poidan acceder por esa zona os camións.

PONTE DA BARCA

Por outra parte, o colectivo ciclista tamén solicita unha solución para a circulación ciclista pola ponte da Barca e polo nó de Poio. Entenden que a mellor opción sería eliminar un carril de vehículos na ponte ou establecer unha beirarrúa para peóns e outra para crear un carril-bici para facilitar o tránsito. Tampouco descartan a pasarela alternativa sobre as bases da antiga ponte ferroviaria, proposta polo PP.

Os representantes de Masa Crítica manterán en setembro novas reunións, entre as que destacan un encontro co xefe territorial da Xunta de Galicia.