Os colexios apuran as últimas obras antes da volta do alumnado

Pontevedra
01 de setembro 2015

Un primeiro investimento de 59.448,29 euros xa permitiu executar obras nos A Xunqueira I, Vilaverde- Mourente, Campañó, Campolongo e Froebel. Compleméntase con traballos de limpeza e mantemento que realizaron as brigadas municipais e cunha segunda partida de 43.748,30 euros para un conxunto de obras que comezan a executarse nesta semana

Visita ás obras do colexio Xunqueira 1 / ARQUIVO
Visita ás obras do colexio Xunqueira 1 / ARQUIVO

O regreso do alumnado aos colexios está xa ao caer e, antes de que as aulas volvan encherse de vida co inicio do curso escolar 2015-2016 fixado para o 10 de setembro en Infantil e Primaria, o Concello de Pontevedra está a ultimar as obras de acondicionamento e posta a punto dos centros.

Un primeiro investimento municipal de 59.448,29 euros xa permitiu executar obras de arranxo do pavimento dunha aula infantil do CEIP A Xunqueira I (2.217,41 euros); arranxo do peche no CEIP Vilaverde- Mourente (387,20 euros), reforma da marquesiña do acceso principal ao CEIP de Campañó; reparación e restitución de fiestras da planta baixa do CEIP de Campolongo (48.750,90 euros); e tratamento anti termitas no CEIP Froebel (3.388 euros). Esta última actuación terá un período de execución e seguimento de dous anos.

Este investimento compleméntase con traballos de limpeza e mantemento que realizaron as brigadas municipais en centros como A Xunqueira I, Santo André de Xeve y A Parda e cunha segunda partida de 43.748,30 euros para un conxunto de obras que comezan a executarse nesta semana.

Así, realizaranse labores de mantemento do pintado interior da EEI Fina Casalderrey (9.811,89 euros), reparacións varias no parque infantil do CEIP Álvarez Limeses (8.825,14 euros), labores de mantemento do pintado interior no CEIP Cabanas-Salcedo (7.033,87 euros) e labores de mantemento e mellora de condicións de seguridade do pavimento exterior no CEIP Vilaverde- Mourente.