Os colexios de Pontevedra medirán a calidade do aire na cidade a través dos liques que habitan nas árbores urbanas

Pontevedra
03 de novembro 2020

A proposta de colaboración estaría aberta a calquera cidadán interesado en participar

Unha persoa fotografando in lique nunha árbore urbana
Unha persoa fotografando in lique nunha árbore urbana / PontevedraViva

Os estudantes dos colexios de Pontevedra están chamados a participar nun proxecto que pretende obter datos de distribución de especies de liques indicadores de distintos niveis de contaminación mediante unha nova aplicación para dispositivos móbiles e, a partir destes, xerar mapas de contaminación atmosférica da cidade.

A iniciativa é unha continuación do anterior Liquencity realizado en Madrid e Barcelona con enorme éxito e na que colaboran institucións como as universidades de Vigo, Oviedo e Pamplona, o Real Xardín Botánico e o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC).

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural vén de distribuír en 25 centros de Infantil, Primaria e Secundaria do municipio trípticos e carteis cos que pretende incentivar a participación da comunidade educativa no proxecto de ciencia cidadá Liquencity 2, impulsado polo Ministerio de Ciencia e Innovación a través da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía.

Os estudantes terán que sair na procura dos liques que habitan nas árbores urbanas (ao seren excelentes bioindicadores da contaminación empregados durante décadas para monitorizar a calidade do aire en numerosas cidades de todo o mundo).

"A idea é concienciar á poboación urbana dos efectos que a contaminación invisible do aire ten sobre a nosa saúde, e a de incorporar á cidadanía no proceso de investigación científica", explica o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes.

O proxecto Liquencity 2 está coordinado en Pontevedra por Graciela Paz Bermúdez e María Eugenia López de Silanes, profesoras da Universidade de Vigo cunha ampla experiencia na investigación en liques.

O programa incluía nun primeiro momento charlas e actividades que ían comezar no mes de marzo, con xornadas en centros de formación das tres cidades, pero o estado de alarma decretado pola emerxencia sanitaria da Covid-19 levou a pospoñer os plans iniciais.

Tal e como sinala Iván Puentes, a principal novidade desta segunda edición do Liquencity é "o desenvolvemento dunha app exclusiva, dispoñible tanto para iPhone como para Android, que se centra en nove especies indicadoras en cada cidade e que cambia a presenza continua de educadores ambientais nas actividades por charlas de formación ao profesorado interesado".

A proposta de colaboración estaría aberta a calquera cidadán interesado en participar que pode descargar os diversos materiais didácticos e a aplicación móbil na páxina web www.liquencity2.org.

 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora