Os colexios de Sanxenxo, en obras ata setembro

Sanxenxo
23 de xullo 2015

No verán, todos os colexios deixan de ter actividade. É tradicionalmente a época na que os responsables do seu mantemento, neste caso os concellos, aproveitan para facer reparacións varias. Iso é o que ordenou realizar o goberno municipal de Sanxenxo

Visita da concelleira de Educación, Sandra Fernández, ás obras do colexio de Nantes
Visita da concelleira de Educación, Sandra Fernández, ás obras do colexio de Nantes / Concello de Sanxenxo

No verán, todos os colexios deixan de ter actividade. É tradicionalmente a época na que os responsables do seu mantemento, neste caso os concellos, aproveitan para facer reparacións varias. Iso é o que ordenou realizar o goberno municipal de Sanxenxo.

Estes traballos, nos que colaboran os departamentos de Servizos e Educación, comezaron xa no centro escolar de Nantes. Este foi o elixido para comezar con estas tarefas de mantemento.

No seu caso, consiste no pintado de paredes, arranxos en portas, mantemento de enreixados e peches e outras cuestións menores. Iranse realizando nos diferentes centros escolares antes de que dea comezo o próximo curso escolar, o 10 de setembro.

Paralelamente a estes traballos executaranse obras de maior calado, para as que a Concellaría de Educación, que dirixe Sandra Fernández Agraso, está a solicitar presuposto a diferentes empresas. Afectarán tamén á totalidade dos colexios e estarán rematadas antes de setembro.