Os comerciantes da Oliva, abocados a ir ao xulgado para manter o paso cara a Gutiérrez Mellado

Pontevedra
02 de febreiro 2023

O futuro das Galerías da Oliva podería estar nun tribunal. Esa parece ser a única vía que queda aos comerciantes para tentar manter aberto o paso cara á rúa Gutiérrez Mellado, pechado nos últimos días para proceder á demolición dun dos seus edificios

Peche da entrada das Galerías Oliva desde Gutiérrez Mellado
Peche da entrada das Galerías Oliva desde Gutiérrez Mellado / PontevedraViva

O futuro das Galerías da Oliva podería estar nun tribunal. Esa parece ser a única vía que queda aos comerciantes para tentar manter aberto o paso cara á rúa Gutiérrez Mellado, pechado nos últimos días para proceder á demolición dun dos seus edificios.

Fontes municipais confirmaron que, a pesar de que o proxecto de demolición inicial si contemplaba manter o paso durante todos os traballos de derriba, os promotores presentaron recentemente un modificado que suprimía definitivamente ese acceso.

Aseguraban que a presenza de amianto no edificio que vai ser demolido supoñería un risco para a saúde dos viandantes, polo que optaban por impedir este paso.

Desde o Concello aseguran ter as mans atadas para impedir este cambio no proxecto, xa que a entrada en cuestión non está situada na vía pública, senón en terreos privados, nos que os seus propietarios poden expor a configuración que lle pareza oportuna.

Pero si entenden que existiría unha servidume de paso consolidada, tras as décadas de funcionamento desta conexión entre ambos os tramos das galerías, un dereito que os afectados terían que poñer en mans dun avogado.

Esa vía xudicial, de atender un xuíz os requirimentos que poidan presentar todos aqueles que se consideren prexudicados pola perda desa servidume de paso, sería por tanto a única posibilidade -aínda que non un feito seguro- para que non se cegue esa saída.