Os comités de empresa da fábrica e das oficinas centrais de Ence en Pontevedra manteñen o calendario anunciado de actos de protesta en defensa da presenza da factoría de celulosa en Lourizán.
Este martes 9 de abril, a partir das 20.00 horas, o persoal está convocado para asistir ao pleno de Cerdedo-Cotobade. Durante esta sesión se debatirá unha moción sobre a continuidade de Ence na ría pontevedresa.
Ademais, desde os comités de empresa tamén se anuncia unha concentración este mércores 10 de abril ante o Parlamento de Galicia, en Santiago de Compostela. Alí amosarán o malestar do plantel ante o uso dos postos de traballo como arma electoral.
No pleno extraordinario, segundo o goberno de Jorge Cubela, quérese amosar o apoio da corporación municipal á pervivencia da empresa no seu emprazamento actual da ría de Pontevedra como "garantía de emprego e riqueza para a bisbarra e para evitar un efecto negativo en futuros investidores, tal e como advertiron todas as asociacións de empresarios".
Comisiones Obreras, con maioría nos comités, xa anunciara a posta en marcha dunha campaña en defensa dos empregos centrándose na presión sobre o Partido Socialista, ao que acusan de ser o principal culpable da situación de incerteza que atravesa a pasteira desde a decisión da Avogacía do Estado de achantarse durante a causa aberta sobre a legalidade da prórroga concedida polo goberno de Mariano Rajoy para que Ence permanecera ata 2073 na actual localización.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.