Os comuneiros de Cobres demandan do concello a licenza de obra para a rehabilitación da Reitoral

Vilaboa
07 de febreiro 2020

Foi un dos acordos por unanimidade acadados na derradeira asemblea xeral de comuneiros de Santa Cristina de Cobres celebrada a pasada fin de semana, demandar do concello de Vilaboa a licenza de obras para acometer as obras de rehabilitación da vella reitoral

Reitoral de Vilaboa
Reitoral de Vilaboa / Concello de Vilaboa

O presidente dos comuneiros de Santa Cristina de Cobres, César Blanco informou da decisión da comunidade de montes de demandar do Concello de Vilaboa a licenza de obra para a rehabilitación da Reitoral.

Os comuneiros levan agardando por esta licenza dende agosto de 2015, unha vez que xa se lograran as autorizacións de Patrimonio e Fomento por estar afectada pola autoestrada AP9. Respondéronse aos requirimentos feitos en prazo, o último a comezos de 2019 para asinar as cesións públicas, máis desde entón non se teñen noticias do asunto.

Unha vez constituído o novo goberno saído das eleccións locais de maio de 2019, nunha xuntanza celebrada avanzárase que a concesión da licenza non se demoraría moito, "máis comprobamos que os actos non se corresponden coas palabras", sinala César Blanco.

Os veciños mostraron o seu malestar con esta tardanza, pois unha vez que se fixo un importante esforzo económico na compra, agora non se pode completar coa restauración "debido a desidia do goberno municipal".

A Xunta Reitora reservou nos orzamentos deste ano 2020 unha partida de preto de cincuenta mil euros para acometer unha primeira fase dos traballos consistentes no tratamentos dos muros de cantería e a construción da cuberta par impedir que a auga continúe a aumentar o seu deterioro. A cheminea da lareira corre un importante risco de derrube.

Cabe destacar que esta construción cunha antigüidade de arredor de catrocentos anos e a construción máis antiga da parroquia e principal herdanza da arquitectura civil.