Os comuneiros de Combarro organizan unha nova xuntanza BTT

Poio
17 de outubro 2018

O vindeiro domingo 21 de outubro terá lugar unha nova edición da Xuntanza BTT Ruta dos Miradoiros que organiza a comunidade de montes de Combarro Rega dos Agros xunto a Os Bicivoadores e o Concello de Poio

Presentación da Xuntanza BTT Ruta dos Miradoiros
Presentación da Xuntanza BTT Ruta dos Miradoiros / PontevedraViva

O vindeiro domingo 21 de outubro terá lugar unha nova edición da xuntanza BTT Ruta dos Miradoiros que organiza a comunidade de montes Rega dos Agros de Combarro xunto a Os Bicivoadores e o Concello de Poio.

A concelleira de deportes, Marga Caldas, sinalou que se trata dunha proba non competitiva e non federada de 25 quilómetros cunha dificultade media alta.

A inscrición é gratuíta. Tan só é necesario entregar un quilo de alimentos para a súa doazón aos servizos sociais do Concello de Poio.

A recollida de dorsais terá lugar este sábado de 18 a 20 horas nas oficinas da comunidade de montes de Combarro, e o domingo de 8 a 9 no punto de saída que esta ano estará situado na Praza da Chousa.

A data límite de inscrición é o xoves 18 de outubro ás 15 horas.

Desde a organización informaron que haberá petisco, masaxista e trofeos ao terminar a proba e avituallamiento durante o percorrido.

Os comuneiros destacaron a boa relación existente co colectivo ciclista ata o punto de promover este tipo de probas deportivas polos montes de Combarro.