Os comuneiros de Marcón acordan ceder ao Concello o campo do Carrasco

Pontevedra
28 de marzo 2022

A xestión do campo de fútbol do Carrasco, en Marcón, pasará a ser municipal. A comunidade de montes acordou ceder o seu uso ao Concello durante o próximos quince anos. Así o aprobaron nunha reunión celebrada este domingo

Adestramento do Pontevedra celebrado no campo do Carrasco
Adestramento do Pontevedra celebrado no campo do Carrasco / PontevedraViva

A xestión do campo de fútbol do Carrasco, en Marcón, pasará a ser municipal. A comunidade de montes acordou ceder o seu uso ao Concello durante o próximos quince anos.

Así o aprobaron nunha reunión celebrada este domingo, segundo confirmou a PontevedraViva o presidente dos comuneiros, Óscar Coto.

O campo de herba sintética, ata o de agora, estaba cedido ao Marcón Atlético, que utilizaba estas instalacións en exclusiva, pero os custos de mantemento, especialmente tras a subida da luz, fixéronse "inasumibles" para a entidade deportiva.

O convenio, que está pendente de firma, recolle que o Concello asumirá o control do campo, pero o club de fútbol da parroquia seguirá tendo prioridade no seu uso, tanto para o primeiro equipo para o resto de conxuntos das súas categorías inferiores.

No caso de que a administración municipal queira usalo para calquera outro evento, terá que acordar os horarios co Marcón, segundo matiza o presidente dos comuneiros.

O Concello comprométese ademais a asumir o custo do proxecto para o cambio a LED de toda a iluminación do campo, mentres que o Marcón Atlético seguirá sendo o encargado da limpeza das instalacións e seguirá explotando a cantina.

A comunidade de montes, por outra banda, non recibirá ningún canon anual por cederlle o campo ao Concello pero, a cambio, non correrá con ningún dos gastos que se xeren e manterá a titularidade das instalacións que, ao estar sobre monte comunal, son inalienables.

Óscar Coto entende que este acordo será beneficioso para todas as partes implicadas e permitirá situar ao de Marcón "nas mesmas condicións" que o resto de campos de fútbol que hai nas diferentes parroquias do municipio.