Os comuneiros de Mourente aproban a cesión á Xunta dos terreos de Montecelo por 23.000 euros anuais

Pontevedra
19 de decembro 2021

A Comunidade de Montes de Mourente aprobou a cesión dos terreos á Consellería de Sanidade nunha asemblea celebrada este domingo. O acordo é por tempo indefinido sempre que se manteña o uso hospitalario e a súa xestión sexa pública

Asemblea da Comunidade de Montes de Mourente para referendar a cesión dos terreos de Montecelo
Asemblea da Comunidade de Montes de Mourente para referendar a cesión dos terreos de Montecelo / Comunidade de Montes de Mourente

A Comunidade de Montes de Mourente aprobou este domingo en asemblea e por unanimidade dos asistentes o acordo de cesión á Consellería de  Sanidade dos terreos que ocupa o actual Hospital de Montecelo.

O acordo aínda debe ser referendado polo goberno autonómico a través do Consello da Xunta, coa previsión de que isto suceda en poucas semanas, establecendo un canon anual de 23.583,60 euros a razón de 0,60 euros por metro cadrado máis IVE.

Esta cantidade actualizarase anualmente coa subida do IPC e deberá ser abonada no primeiro trimestre do ano.

Os comuneiros aprobaron esta cesión, indefinida no tempo, sempre que se cumpran varias condicións como que o destino permanente dos terreos sexa o funcionamento do hospital público de referencia na Área Sanitaria de Pontevera e O Salnés, e que a xestión do hospital se manteña como "pública, directa e integral". Ademais a Xunta quedará facultada para realizar calquera tipo de obra nas instalacións ou melloras.

"No suposto que o uso dos terreos non cumpra as anteriores condicións ou se destinen a fin distinto do establecido nelas, quedará extinguida a cesión de uso e a Comunidade de Montes de Mourente recuperará automaticamente, sen necesidade de requirimento previo, a plena posesión, libre de cargas e gravames, do terreos obxecto da cesión, así como a propiedade de todas as obras ou construcións que houbera nesa data sobre eles, sen que a Comunidade de Montes teña que satisfacer indemnización algunha", explican os comuneiros.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora
Arquivado en