A incerteza sobre o futuro do Hospital Montecelo ante a posible construción dun novo centro hospitalario en Monte Carrasco (Marcón) provocou que os comuneiros de Mourente decidisen en asemblea reclamar a titularidade dos terreos que actualmente ocupan as instalacións do Hospital Montecelo.
Segundo recollen o Faro de Vigo e o Diario de Pontevedra, os comuneiros intentarán establecer unha negociación coa Consellería de Sanidade para establecer un convenio que garanta o uso indefinido destes terreos sempre que se manteña un uso sanitario e público a través dun hospital ou dun centro sanitario. En caso de que dende a Xunta de Galicia se rexeite esta proposta, os comuneiros teñen previsto acudir aos tribunais de Xustiza para reclamar unha propiedade que entenden que lles pertence.
Detrás desta reivindicación por parte dos comuneiros encóntrase o temor de que dende a administración galega se poña en marcha un proxecto privado cos terreos cedidos.
A decisión foi adoptada de xeito unánime polos 115 asistentes á asemblea celebrada na Sociedade Recreativa e Cultural de Mourente.