Os comuneiros de San Martiño dan o seu visto e prace ao anteproxecto do Tanatorio de Vilaboa

Vilaboa
28 de xuño 2021

O anteproxecto aprobado, proposto por Servicios Funerarios San Marcos, conta con dúas salas, sala de cerimonias, parque de estacionamento aberto ao público e zonas verdes

Asemblea da Comunidade de Montes de San Martiño de Vilaboa
Asemblea da Comunidade de Montes de San Martiño de Vilaboa

Os comuneiros de San Martiño de Vilaboa veñen de aprobar por unanimidade o anteproxecto para a construción do Tanatorio de Vilaboa na Asemblea Xeral da Comunidade de Montes celebrada o pasado domingo 27 de xuño.

O anteproxecto aprobado, proposto por Servicios Funerarios San Marcos, conta con dúas salas, sala de cerimonias, parque de estacionamento aberto ao público e zonas verdes. A cesión dos terreos para a súa construción será por trinta anos e están localizados ao pé do cemiterio de Vilaboa, nun espazo de preto de 4.200 metros cadrados de propiedade comunal, incluído no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) para equipamentos.

A proposta inclúe a realización dunha parte importante da construción doutro proxecto da Comunidade de Montes de Vilaboa, a súa Casa de Montes, no lugar de Acuña.

Na mesma asemblea en que foi aprobado este anteproxecto, tamén foron tratados outros asuntos de importancia como a aprobación do novo Proxecto de Ordenación do monte para 2021-2030. O novo proxecto dá continuidade ao anterior e reafírmase na diversificación de especies e multifuncionalidade do monte apostando polo micorrizado de castiñeiro e piñeiro para a produción de cogomelos, a aposta polos castiñeiros de froito de variedades tradicionais galegas e a produción de cortiza, para complementar a explotación madeireira.