Os conflitos laborais de Lantero e Cleanet chegan ao Parlamento Europeo

Pontevedra
31 de xaneiro 2015

Por convite da eurodeputada de AGE Lídia Senra, seis representantes de cada unha destas loitas laborais, en nome de todas as súas compañeiras e compañeiros, exporán na Eurocámara e á Comisión Europea as coaccións ás que se están vendo sometidas por parte das súas respectivas empresas

Protesta do persoal de Cleanet durante a súa terceira xornada de folga
Protesta do persoal de Cleanet durante a súa terceira xornada de folga

Os conflitos laborais que viven os traballadores das empresas Lantero e Cleanet chegarán a vindeira semana ao Parlamento Europeo (PE) da man da eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe) Lídia Senra. A parlamentaria promoveu a intervención de representantes de sendas plantillas os vindeiros martes 3 e mércores 4 de febreiro.

Segundo informou AGEe, seis representantes de cada unha destas loitas laborais, en nome de todas as súas compañeiras e compañeiros, exporán na Eurocámara e ante a Comisión Europea as coaccións ás que aseguran que están vendo sometidas por parte das súas respectivas empresas, as accións reivindicativas levadas adiante e as perspectivas de cara ao futuro.

Entre os contactos e entrevistas a manter durante a visita desta dobre delegación, destacarán as xuntanzas o martes 3 ás 18.30 horas con Serge Le Gal, da Dirección Xeral  de Emprego, Asuntos Sociais e Inclusión da Comisión Europea (CE) e ás 19.30 horas con Inês Zuber, da Comisión de Emprego e Asuntos Sociais do Parlamento Europeo (PE).

O mércores 4, representantes de cada un destes conflitos intervirán diante do grupo parlamentario da Esquerda Unitaria Europea-Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), onde está integrada Alternativa Galega de Esquerda en Europa.

Para Lídia Senra, "a loita destas dúas plantillas constitúe dous dos máis recentes e salientábeis exemplos de loita e unidade pola defensa dos dereitos laborais e sociais". Lantero, con 110 días en folga indefinida, e Cleanet con 96 en Ferrol (os traballadores de Pontevedra fixeron xornadas de protesta puntuais) "son un motivo de orgullo para a sociedade galega e por iso espertan un fondo apoio na cidadanía".  

AGEe destaca a constancia e unidade na estratexia de mobilización dos traballadores de ambas as dúas empresas e Senra sinala ao respecto que "estes dous colectivos achegarán ao Parlamento Europeo e á Comisión unha importantísima testemuña da situación de degradación dos dereitos sociais na que o goberno do Partido Popular, en connivencia ca Comisión Europea (CE), o Banco Central Europeo (BCE) e o Fondo Monetario Internacional (FMI), teñen afundido á Galiza e ao Estado español".

En opinión da eurodeputada, "loitas como as levadas adiante por estas traballadoras e traballadores son unha inmellorable mostra da forza e dignidade coa que os pobos do sur de Europa estamos a facer fronte aos ataques do capital".