Os contaxios en Pontevedra, disparados: 55 casos positivos por COVID-19 nun día

Pontevedra
15 de setembro 2020

A curva de contaxios pola COVID-19 na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés parece non ter freo. Nas últimas 24 horas detectáronse 55 novos positivos, o que sitúa o número de casos activos en 552, segundo recolle o balance do Servizo Galego de Saúde

Xente paseando con máscaras por Pontevedra
Xente paseando con máscaras por Pontevedra / Mónica Patxot

A curva de contaxios pola COVID-19 na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés parece non ter freo. Nas últimas 24 horas detectáronse 55 novos positivos, o que sitúa o número de casos activos en 552, segundo recolle o balance do Servizo Galego de Saúde.

Hai dezaseis pacientes ingresados por coronavirus nos hospitais da área sanitaria. Doce deles están a ser atendidos en planta no Complexo Hospitalario de Pontevedra e un máis no hospital Quirón Salud Miguel Domínguez. Non hai infectados no Hospital do Salnés.

Os outros tres pacientes hospitalizados atópanse na unidade de coidados críticos (UCI) do Hospital Montecelo, un máis que onte luns. 

Os outros 536 casos activos reciben seguimento nos seus respectivos domicilios. Desde o inicio do plan de continxencia da COVID-19 curáronse 1.103 pacientes, seis deles nas últimas 24 horas, e faleceron 18 pacientes na área sanitaria.

En canto á realización de probas PCR, desde onte realizáronse 301, que se engaden ás 33.371 xa efectuadas desde o inicio da pandemia en Pontevedra e O Salnés.

A nivel autonómico, a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, segundo a última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 4.301, o que supón 37 máis que o día anterior.

Deles, 1.246 son da área da Coruña, 772 da de Lugo, 503 da de Ourense, 552 da de Pontevedra, 373 da área de Vigo, 673 da de Santiago e 182 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 30 están en UCI, 220 en unidades de hospitalización e 4.051 no domicilio. Por agora, en Galicia hai un total de 15.651 persoas curadas, rexistrándose 694 falecementos. O último, unha home de 86 anos que estaba ingresada no complexo hospitalario da Coruña. O número de PCR realizadas é de 401.119.