Os datos do paro constatan que as mulleres son as máis prexudicadas

Pontevedra
02 de marzo 2021

En Galicia as mulleres son as máis prexudicadas, pois padecen o 57,1 % do desemprego e representan seis de cada dez persoas inmersas nun ERTE. A súa maior presenza nos sectores dos servizos —á súa vez, os máis paralizados polas restricións sanitarias— tamén fai que sexan maioría nos ERTE

Unha muller cun ordenador
Unha muller cun ordenador / Ministerio de Trabajo

Os datos do paro rexistrado correspondentes ao mes de febreiro, publicados este martes, constatan un aumento do paro no sector servizos na comarca de Pontevedra, sinala o secretario comarcal de CIG, Marcos Conde.

En Galicia as mulleres son as máis prexudicadas, pois padecen o 57,1 % do desemprego e representan seis de cada dez persoas inmersas nun ERTE. A súa maior presenza nos sectores dos servizos —á súa vez, os máis paralizados polas restricións sanitarias— tamén fai que sexan maioría nos ERTE.

No mes de febreiro, o paro diminuíu a cifra de 756 persoas (-0,41 %), nun mes en que o habitual é case o dobre. Deste xeito, en Galicia, hai 185.228 persoas desempregadas, un 11,43 % máis ca no mesmo mes do ano pasado.

A afiliación en media mensual sobe en 1.692 persoas (0,17 %), cifra moi similar á dos últimos días do mes (+1213 persoas). Estes datos tampouco son bos, pois Galicia segue por baixo do millón de persoas afiliadas e con 18.324 empregos menos ca en febreiro do 2020. 

O efecto da covid e das restricións para evitar a propagación do coronavirus provocan un claro retroceso na actividade que ten se reflicte na contratación e na afiliación á Seguridade Social. A contratación diminúe un -18,7 % no último mes e un -32,1 % no último ano.

"Non podemos facer unha comparativa con Galicia, Pontevedra nin co resto do Estado porque evidentemente as medidas en cada comunidade autónoma foron distintas", lembra Marcos Conde.

Por outra banda, o secretario comarcal da CIG sinala que o emprego que se crea é maioritariamente precario: dos 49.174 contratos rexistrados en febreiro en Galicia, 43.541 teñen data de caducidade. "Para min e quizais o dato que ten maior importancia", salienta.

A secretaria de Emprego de CCOO, Maica Bouza, comenta que estas cifras revelan unha "importante crise" do mercado laboral galego que, "malia todo, non se debe exclusivamente á covid", matiza Bouza. Ademais, "a situación sería aínda mais grave se non dispuxésemos dese escudo para o mantemento do emprego que son os ERTE", salienta a sindicalista.

Os datos de paro feitos públicos este martes reflicten que a pandemia está a agravar en xeral a situación económica e laboral de todo o país.

Para UGT-Galicia, resulta evidente que o paro volve a constatar os efectos perniciosos da pandemia sobre a actividade económica e emprego, polo que consideran necesario "poñer todos os medios para acelerar o proceso de vacinación"; seguir mantendo os ERTE (que afectan a 47.207 persoas (media mensual de febreiro); e "que o Goberno cumpra os seus compromisos e derrogue a reforma laboral de 2012 porque a recuperación non pode asentarse na precariedade, temporalidade e parcialidade dos contratos, que afectan sobre todo ás mulleres e ós máis mozos" e que suba o Salario Mínimo Interprofesional ata os 1.000 euros ó mes en 2021.

 

Arquivado en