Sanxenxo recibiu durante o pasado mes de agosto a 206.120 viaxeiros. Así o asegurou este mércores o Concello nun comunicado e, para calcular o dato, baséanse no estudo Big Data e a xeolocalización do teléfono móbil encargado a Orange pola Mancomunidade do Salnés.
O estudo contabiliza os datos dos viaxeiros que se hospedan en calquera dos aloxamentos que ten Sanxenxo (hoteis, vivendas turísticas, apartamentos, segundas residencias e cámpings).
Segundo a información facilitada polo Concello, a cifra revela un crecemento no número de turistas que pernoitan no municipio respecto ao mesmo período do ano anterior, con 15.864 viaxeiro máis.
Outras cifras que achega o Concello sinalan que o municipio rexistrou 962.580 pernoitas durante o mes de agosto, unha cifra superior á de agosto de 2023 cando se contabilizaron, 888.495.
O concelleiro de Turismo, Juan Deza, sinala que os datos rexistrados en xullo e agosto reforzan a Sanxenxo como destino líder do noroeste peninsular durante os meses de verán, pero o obxectivo que persegue o Concello de Sanxenxo é seguir crecendo na tempada baixa
"A nosa gastronomía, a nosa paisaxe e o noso patrimonio fainos visitables durante todo o ano. Sanxenxo, 365 días diferentes non é só un lema", asegura.