Os dermatólogos pasarán consulta por videoconferencia nas residencias de maiores

Pontevedra
16 de maio 2020

Este sistema, permitirá que os profesionais da Dermatoloxía poidan enviar aos equipos médicos de residencias asistenciais e de persoas maiores pautas de tratamento e información clínica das doenzas dermatolóxicas dos pacientes ingresados nos centros e evitar desprazamentos ata o CHUP

Unha persoa maior collendo un bastón
Unha persoa maior collendo un bastón / Xunta de Galicia

Con motivo da Covid-19, a Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés anunciou que realizará a atención dermatolóxica ás persoas maiores ingresadas nas residencias da comarca vía videoconferencia.

Esta iniciativa, efectuada en coordinación asistencial entre o servizo de Dermatoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra e os departamentos médicos de diversas residencias, levarase a cabo mediante tablets doadas polo Rotary Club Pontevedra que facilitarán e dinamizarán a prestación de determinadas consultas de saúde entre profesionais, dando resposta ás necesidades de pacientes con patoloxías do pel.

Este sistema telemático, permite que os profesionais da Dermatoloxía poidan enviar aos equipos médicos de residencias asistenciais e de persoas maiores pautas de tratamento e información clínica das doenzas dermatolóxicas de certos pacientes ingresados en ditos centros e así evitar desprazamentos ata o Complexo hospitalario Universitario de Pontevedra.

Ante a situación actual de desescalada que se está vivindo, as persoas ingresadas en residencias de maiores e sociosanitarias seguen mantendo limitadas as visitas de familiares e continúan con restricións de saír destes centros -salvo por motivos de forza maior, coma a necesidade de atención sanitaria- nunha situación que se está a prolongar no tempo.

Por iso, dende o Servicio Galego de Saúde, destacan que con esta aposta polas novas tecnoloxías, se obtén dun modo máis áxil unha primeira visión diagnóstica dos especialistas, á vez que dinamiza a derivación dos casos máis urxentes. 

Segundo o SERGAS, trátase dunha aportación alternativa eficiente para a supervisión de casos xa diagnosticados, permitindo a interactuación entre as residencias asistenciais e a Dermatoloxía do Complexo Hospitalario Universitario pontevedrés para controlar a evolución das enfermidades dermatolóxicas de pacientes.