Os deteriorados vestiarios do campo de Ponte Sampaio serán renovados

Pontevedra
28 de xaneiro 2017

Os técnicos municipais traballan xa para poñer fin á lamentable situación na que se atopan os vestiarios do campo de fútbol de Ponte Sampaio. Así o avanzou o concelleiro Raimundo González no pleno deste venres. "Se nos piden mantemento, se vai a facer", afirmou ante a presentación do PSdeG-PSOE dunha moción a este respecto

Campo de fútbol de Ponte Sampaio
Campo de fútbol de Ponte Sampaio

Os técnicos municipais traballan xa para poñer fin á lamentable situación na que se atopan os vestiarios do campo de fútbol de Ponte Sampaio. Así o avanzou o concelleiro Raimundo González no pleno deste venres. "Se nos piden mantemento, se vai a facer", afirmou ante a presentación do PSdeG-PSOE dunha moción a este respecto.

Así, desde o goberno municipal confirmaron que mantiveron o pasado 16 de xaneiro un encontro coas directivas dos clubs que utilizan de forma habitual estas instalacións para acordar con eles os "pequenos arranxos" e as tarefas de mantemento que sexan urxentes acometer.

Todo iso, mentres que non se axilice os trámites para que Costas desafecte os terreos que ocupa o campo para que, unha vez que sexa municipal, se poida acometer un proxecto "máis ambicioso" para reformalo. Neste sentido, González denunciou que no últimos oito meses, Costas "non moveu nin un só papel" para avanzar neste trámite.

A moción presentada polos socialistas profundaba na preocupación que lles xera o "deteriorado" estado destas instalacións, utilizadas por oito equipos e máis dun centenar de nenos. Ademais, consideran "incomprensible" que o proxecto presentado no seu día polo Concello non contemplase actuación algunha nos vestiarios.

A estas críticas uníronse tamén os populares, cuxo concelleiro Tomás Abeigón cualificou o estado do campo de "tercermundista"; Marea, que a través de Mari Carmen Moreira acusou ao BNG de "desleixo palpable" e de ter un "nulo interese" en solucionar este conflito; ou María Rey, que pediu a instalación de vestiarios provisionais mentres non se resolve a situación para que os nenos teñan unha "mínima higiene".

APERTURA DOS XARDÍNS DA UNED

Ademais, a corporación tamén aprobou a moción presentada por Marea Pontevedra para propoñer ao padroado da UNED a apertura dos xardíns do seu centro en Monte Porreiro para que poidan ser gozados por toda a cidadanía.

Marea suxería a posibilidade de abrir unha porta de acceso para sortear o valo actual, que poida pecharse durante a noite, mantendo a prohibición de acceso de vehículos que non estean autorizados polo centro. As obras estarían sufragadas polo Concello que, debería negociar coa UNED o mantemento posterior do recinto.