Os emigrantes retornados maniféstanse pero non logran reunirse con Louzán e Coello

Pontevedra
26 de novembro 2013

Máis de 200 persoas de toda Galicia concéntranse fronte á Subdelegación do Goberno en Pontevedra para denunciar "a persecución que sufrimos os emigrantes retornados" por parte da Axencia Tributaria

Manifestación en Pontevedra dos colectivos de emigrantes retornados
Manifestación en Pontevedra dos colectivos de emigrantes retornados / Mónica Patxot

Máis de 200 persoas de diferentes puntos de Galicia, pertencentes todos eles á Asociación de Emigrantes Retornados, manifestouse este martes en Pontevedra para denunciar "a persecución que sufrimos os emigrantes retornados" por parte da Axencia Tributaria, segundo defendeu Celso Domínguez, representante de Ulla-Umia.

Domínguez asegurou que seguirán mobilizándose ante o que entenden como unha grande inxustiza, querendo deixar claro que "non nos negamos a pagar, pero non estamos de acordo de que nos metan unha multa de cinco anos atrás porque non nos informaron antes".

A protesta vén derivada da reclamación de Facenda a estes emigrantes, pensionistas, por non declarar dende 2008 as retribucións que seguen recibindo polo seu antigo traballo noutros países.

O colectivo criticou que nin o presidente da Deputación, Rafel Louzán, nin o subdelegado do Goberno, Antonio Coello, se reunisen cunha representación dos afectados, encontros que foran solicitados con anterioridade.