Os escolares de Tenorio aprenden a loitar contra os incendios

Pontevedra
05 de abril 2017

Un total de 46 escolares de distintos cursos de Primaria do CEIP de Tenorio, en Cotobade, tiveron a oportunidade este mércores de coñecer a base aérea de defensa contra os incendios forestais do Campiño e a labor que desenvolven as brigadas que traballan para previr e loitar contra os lumes

Visita de escolares do CEIP Tenorio á base aérea do Campiño
Visita de escolares do CEIP Tenorio á base aérea do Campiño / Xunta de Galicia

Un total de 46 escolares de distintos cursos de Primaria do CEIP de Tenorio, en Cerdedo - Cotobade, tiveron a oportunidade este mércores de coñecer a base aérea de defensa contra os incendios forestais do Campiño, en Pontevedra, e a labor que desenvolven as brigadas que traballan para previr e loitar contra os lumes tendo estas instalacións como centro de referencia. 

A base pertence ao distrito forestal XIX de Galicia, que abarca unha extensión de 51.382 hectáreas e 368 comunidades de montes. Ten un cadro de persoal fixo de 25 persoas entre funcionarios, persoal laboral e tripulación do helicóptero e en época estival aumenta o número de contratados ata 35, deixando sempre unha quenda de 15 traballadores de garda. 

Segundo informou a Xunta de Galicia a través dun comunicado, os escolares coñeceron a labor dos equipos de brigadistas a través dunha proxección audiovisual sobre a extinción de incendios e tamén manexando as ferramentas manuais de extinción, como unha mangueira ou a motobomba. Ademais, o persoal da base ensinoulle o helicóptero que se atopa nestas instalacións e puideron falar cos pilotos e os técnicos de mantemento.

Os escolares estiveron acompañados polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís; o presidente de Cerdedo - Cotobade, Jorge Cubela; o xefe territorial de Medio Rural, Antonio Crespo; e o xefe do servizo de incendios en Pontevedra, Manuel Francisco.

Ao remate da visita, Cores Tourís reseñou, segundo recolle a Xunta, que na loita contra o lume son moi importantes actividades como esta visita, xa que os nenos coñecen os medios cos que conta as administracións para previr e atallar os incendios e o traballo dos profesionais que se adican a isto.

Destacou tamén o coñecemento que adquiren os alumnos para protexerse do lume e que deben facer cando se achega ás súas vivendas.