Os fitos máis importantes do Entroido pontevedrés chegan as redes sociais do Concello

Pontevedra
17 de febreiro 2021

O Entroido 2021 de Pontevedra chega as redes sociais co lema 'Este ano vai por dentro'. Entre as actividades levadas a cabo dende o concello se pode ver a historia dos personaxes máis importantes do Entroido da Boa Vila, así como visualizar as videochamadas que se fixeron co loro Ravachol

Desfile do sábado de Entroido en Pontevedra
Desfile do sábado de Entroido en Pontevedra

O Entroido 2021 de Pontevedra chega ás redes sociais co lema 'Este ano vai por dentro'. Como viña anunciando o Concello días atrás, este ano debido ao importante nivel de restricións sanitarias pola covid-19, tomouse a decisión de suspender todas aquelas actividades nas rúas da cidade e celebrar online o Entroido deste ano.

Deste xeito, o Concello está a levar a cabo actividades nas súas redes sociaiss para non perder os costumes típicos destas datas tan importantes para a cidade.

Entre as actividades en Instagram, Facebook e Youtube e na súa páxina web, se pode ver unha pequena historia dos fitos máis importantes do Entroido pontevedrés. Ademáis conta cunha selección de 250 fotografías lembrando os anos de historia desta festa dende o ano 1985 ata o 2020.

Do mesmo xeito a través da canle de Youtube do Concello de Pontevedra, pódense visualizar videochamadas de 'persoas imprescindibles' destas datas, tal e como describiu a concelleira de Festas, Carme da Silva.

Nestes vídeos o famoso loro Ravachol, protagonista do Entroido pontevedrés mantén unha videochamada co pirata Benito Soto, encargado de montar festa o martes de Entroido na 'noite pirata' polas rúas da cidade ano tras ano, con excepción deste ano 2021.

Entre os participantes destes vídeos tamén se atopa a actriz pontevedresa María Carrera, que conta como está a celebrar o Entroido, O Rei Urco, monarca da festa e encargado de darlle comezo, e os membros do Equipo JA participantes das murgas, un dos principais atractivos destas datas, que enchen de humor e ledicia o Pazo da Cultura.

É o primeiro ano que Ravachol sobrevive ao entroido polo que aproveitou para falar con María Simal, unha das integrantes do seu cortexo fúnebre 'Amigos do Ravachol'. Do mesmo xeito que falou con Ángela, da 'Asociación Ricreativa de Xeve' ou con Lito de 'Os Solfamidas', compoñentes de dúas das comparsas que animan as rúas da cidade no gran desfile do sábado.