Os funcionarios non se fían da posible "marcha atrás" do Goberno na privatización do Rexistro Civil

Pontevedra
24 de abril 2015

Un grupo de arredor de 25 funcionarios concentráronse este xoves ante a Audiencia Provincial de Pontevedra en defensa deste servizo público

Manifestación dos funcionarios do Rexistro Civil e dos Xulgados de Pontevedra
Manifestación dos funcionarios do Rexistro Civil e dos Xulgados de Pontevedra / Cristina Saiz
Os funcionarios non se fían da "marcha atrás" na privatización do Rexistro Civil /

Un grupo de 25 funcionarios do Rexistro Civil e dos Xulgados concentráronse este venres 24 ante a Audiencia Provincial dentro do calendario de protestas contra a privatización do Rexistro Civil. Esta mañá, o Goberno decidiu aprazar a cesión das funcións do Rexistro Civil aos rexistradores mercantís que tiñan que entrar en vigor o vindeiro 15 de xullo. Así foi anunciado polo ministro de Xustiza, Rafael Catalá, malia asegurar que o Executivo sacará o Rexistro Civil dos Xulgados.

Lola Filgueira, portavoz dos funcionarios do Rexistro Civil de Pontevedra, comentaba que en todo caso non se fían das decisións que poida chegar a anunciar o Gobierno de Mariano Rajoy: "Non nos cremos nada, para os funcionarios de Xustiza e os traballadores do Rexistro Civil en tanto en lei non se vexa plasmado que o Rexistro Civil quedará ao cargo dos funcionarios de Xustiza continuaremos manifestándonos".

A representante indicou que se trata dunha campaña do Goberno para frear as mobilizacións ante a campaña electoral e apuntou a que o Goberno está presionado polos traballadores da Propiedade e "se atopa cunha situación problemática".

Filgueira indicou que ata que vexan un documento onde conste que seguirá a ser un servizo público e gratuíto manterán os seus actos de protesta. Afirmou que xa anteriormente falaban de paralo: "Xa non nos cremos nada do que diga este goberno. Estamos acostumados as súas mentiras".