Os furancheiros de Marín e o Concello achegan posturas tras a última modificación da ordenanza

Marín
24 de xaneiro 2018

O Concello e o sector definiron modos de funcionamento como, por exemplo, a realización dunha inspección anual aos establecementos. Os furancheiros expuxeron a petición de que non se fagan esas inspeccións, pero o Concello negou esa posibilidade

Reunión entre a alcaldesa de Marín e a asociación de furancheiros da localidade
Reunión entre a alcaldesa de Marín e a asociación de furancheiros da localidade / Concello de Marín

A alcaldesa de Marín, María Ramallo, mantivo este mércores unha reunión con representantes dos furancheiros da localidade para abordar os detalles que rexerán esta actividade económica tras a recente modificación da ordenanza reguladora aprobada no pleno da corporación. 

O Concello e o sector achegaron posturas e definiron modos de funcionamento como, por exemplo, a realización dunha inspección anual aos establecementos. Os furancheiros expuxeron a petición de que non se fagan esas inspeccións, pero o Concello negou esa posibilidade. 

Respecto diso, a concelleira de Turismo, Cristina Acuña, explicoulles que non era posible a súa petición. Indicou que noutros concellos cóbranselles taxas de lixo distintas á do resto do ano durante o tempo de actividade, pero en Marín optouse por non acerlo. O que si lles esixen é que pasen as inspeccións.

Segundo indicou o Concello, finalmente, as dúas partes quedaron conformes. 

A ordenanza municipal modificouse porque, tras o cambio do Plan Xeral de Marín, non era posible autorizar a instalacion de furanchos en chan clasificado como urbano, varios que estiveran toda a vida funcionando quedaban fóra. Unha vez levada a pleno, e aprobada por unanimidade, entrará en vigor unha nova norma que si permitirá que un furancho, unha vez que cumpra todos os requisitos recolleitos na devandita ordenanza, poida manter a súa actividade. 

Na reunión os furancheiros tamén propuxeron valorar a súa presenza nalgunha feira onde estean presentes outro postos para dar a coñecer o seu viño. O Concello valorou a idea de forma positiva e acordaron que se presentará unha proposta.