Os hospitais pontevedreses suman 15 pacientes con covid-19, seis na unidade de críticos

Pontevedra
06 de xullo 2021

A área sanitaria suma 546 casos activos, 36 máis que o luns, tras unha xornada na que se confirmaron 43 novos positivos. Segundo o último balance, na última xornada recibiron o alta 7 pacientes, elevando a 14.256 o total de persoas curadas desde o inicio da pandemia 

Servizo de Urxencias do Hospital Montecelo Mónica Patxot

A expansión da pandemia da covid-19 nas últimas semanas volve deixar nos hospitais da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés cifras que non se coñecían desde hai un mes, con 15 pacientes hospitalizados.

O balance oficial da Consellería de Sanidade recolle este martes 6 de xullo un número especialmente preocupante de pacientes en UCI, seis xa, un máis que o luns. Ademais, hai outros 9 en planta de hospitalización, 6 no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra e 3 no Hospital do Salnés.

Ademais deses 15 pacientes no hospital, hai 531 con síntomas leves ou asintomáticos que se recuperan en illamento no seu domicilio. En total, a área sanitaria suma 546 casos activos, 36 máis que o luns, tras unha xornada na que se confirmaron 43 novos positivos.

Segundo o último balance, na última xornada recibiron o alta 7 pacientes, elevando a 14.256 o total de persoas curadas desde o inicio da pandemia na área sanitaria. Outros 181 pacientes faleceron por mor da covid-19.

Os 43 novos positivos confirmáronse nunha xornada na que se realizaron 998 probas PCR's, que elevan a 252.651 o total das xa efectuadas desde o inicio da pandemia.