Os hospitalizados por Covid dispáranse ata os 50 na área sanitaria nunha xornada con 49 novos contaxios

Pontevedra
24 de outubro 2020

O número de pacientes ingresados por Covid ascende este sábado en 13 persoas con respecto ao venres, mentres que os casos activos en Pontevedra e O Salnés superan a barreira dos 600 para colocarse en 622 casos

Situación da Covid na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés ao 24 de outubro
Situación da Covid na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés ao 24 de outubro

A presión hospitalaria aumentou notablemente nas últimas horas na área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés con respecto á cifra de persoas ingresadas afectadas pola Covid-19.

Segundo o balance oficial do Servizo Galego de Saúde, este sábado permanecen ingresadas 50 persoas na área positivas en coronavirus, o que supón 13 máis que a xornada anterior. 

O incremento iso si se concentra nos ingresos en planta, xa que a cifra de contaxiados na Unidade de Coidados Intensivos (UCI) mantense en 7. Con respecto aos demais, 37 evolucionan en planta do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, 4 no Hospital do Salnés e 2 máis no Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez.

Estes datos veñen derivados dunha nova xornada cunha importante cifra de contaxios detectados, ata 49, o que a pesar da cifra 22 de altas epidemiolóxicas fixo superar a barreira dos seis centenares de casos activos, chegando aos 622, o que supón 27 máis que o venres.

Desde o inicio da pandemia superaron o coronavirus 2.271 pacientes da área sanitaria, mentres que se rexistraron 27 falecementos asociados ao virus. En canto a realización de probas PCR, nas últimas 24 horas fixéronse 1.093, que se engaden ás 58.213 xa efectuadas con anterioridade.

A nivel autonómico, Galicia volveu a bater na última xornada a maior cifra diaria de contaxios, cun total de 687. En total, na comunidade contabilízanse este sábado 6.170 casos activos, é dicir, 290 máis que a xornada anterior. Deles 363 atópanse ingresados en planta dos distintos hospitais e 46 en UCI.

En Galicia recibiron a alta desde o inicio da alerta sanitaria 24.970 pacientes e faleceron 859 persoas, tres delas no último día.