Os hostaleiros impulsan un servizo de mediación para reducir os alugueres dos locais

Pontevedra
22 de outubro 2020

Na tarde deste mércores a Asociación de Empresarios Hostaleiros de Pontevedra (Hoempo) celebraba unha xuntanza aberta a empresariado do sector para analizar as iniciativas que se atopan en marcha e as peticións ás administracións e sociales que se propoñen

Xunta directiva de Hoempo
Xunta directiva de Hoempo / PontevedraViva

A Asociación de Empresarios Hostaleiros de Pontevedra (Hoempo) celebraba na tarde deste mércores unha reunión aberta ao empresariado deste sector para analizar as iniciativas emprendidas e as liñas para seguir durante os próximos meses.

Segundo explican desde colectivo, a situación derivada da pandemia está a afectar á hostalería por decisións desde a administración que varían cada quincena movéndose entre o peche dos establecementos a reducións de capacidade imposibles co 100% de gastos para o empresariado. Sinalan que desde os distintos gobernos se pretende exemplarizar utilizando a un sector que está a sufrir.

Ante este escenario teñen previsto poñer en marcha un servizo de mediación para a redución de alugueres para axudar á hostalería de Pontevedra a negociar as súas rendas de aluguer polo tempo que dure esta crise e véxanse minguados os ingresos con motivo das restricións sanitarias.

Sinalan que hai hostaleiros que carecen de capacidade de negociación ou se atopan con arrendadores que non están dispostos a colaborar nin a ceder. Con esta iniciativa buscan sentar as bases dun procedemento de mediación profesional.

Para levar a cabo esta proposta realizarán unha listaxe de hostaleiros interesados no servizo de mediación a través desta ligazón. O prazo estará aberto ata o 4 de novembro, data en que se pechará a inscrición para cuantificar os recursos necesarios.

A asociación que preside Víctor Pampín ten previsto desenvolver o control de acceso seguro dentro do programa de hostalería responsable. Sinalan que ata o de agora detectou unha acollida moi boa entre a clientela.

Afirman, ademais, que o Sergas trasladou á dirección de Hoempo os resultados dos cribados que se realizaron á hostalería pontevedresa. Trátase de 670 probas PCR voluntarias que ofreceron un saldo de nove positivos, un 1,34% do total. Por este motivo, desde a asociación sinalan que a hostalería de Pontevedra é segura. Piden solidariedade, apoio e empatía á cidade.

No caso de que a situación non mellore, non descartan mobilizacións no futuro. Por outra banda, tamén se posicionan a favor da petición de reapertura da rúa Raíña Vitoria e en contra de políticas "que danan abertamente á cidade e afectan a súa mobilidade".