Os impostos e taxas municipais, conxelados por terceiro ano consecutivo

Pontevedra
14 de setembro 2016

En 2017, todos os impostos e taxas que cobra o Concello de Pontevedra aos cidadáns manteranse conxelados. É o terceiro ano consecutivo no que estes prezos se manteñen sen cambios. Así o avanzou hoxe o concelleiro de Facenda, Raimundo González. Trátase da primeira decisión política para a elaboración do novo orzamento municipal

Entrada do edificio administrativo do concello de Pontevedra na rúa Michelena
Entrada do edificio administrativo do concello de Pontevedra na rúa Michelena

En 2017, todos os impostos e taxas que cobra o Concello de Pontevedra aos cidadáns manteranse conxelados. É o terceiro ano consecutivo no que estes prezos se manteñen sen cambios. Así o avanzou hoxe o concelleiro de Facenda, Raimundo González. Trátase da primeira decisión política para a elaboración do novo orzamento municipal.

"Entendemos que a conxelación é unha boa noticia para os pontevedreses que veñen de afrontar recortes e o aumento impositivo estatal", destacou o edil do BNG, que engadiu que esta decisión supoñerá unha "pequena axuda" para os cidadáns.

Así, os 27 impostos e taxas que cobra o goberno municipal -tanto a particulares como a empresas- manterán o mesmo custo para os contribuíntes.

Esta conxelación non implica, segundo Raimundo González, que o goberno municipal renuncie a seguir co proceso de depuración e control iniciado para actualizar o padrón e evitar a fraude. Xa completada a revisión do imposto de actividades económicas (IAE) e a piques de terminar a do IBI, o censo da taxa de recollida de lixos será o seguinte en ser analizado.

"Apostamos pola eficiencia na xestión económica e por conxelar as taxas e os impostos", resumiu o responsable da facenda local, que defendeu que Pontevedra é unha das capitais de provincia cunha menor carga impositiva.

Para reforzar ese argumento, Raimundo González referiuse ao informe que elabora anualmente o concello de Madrid, onde se recolle o custo das taxas e impostos das 50 capitais de provincia máis Ceuta e Melilla. Nel, dixo, Pontevedra aparece "na parte baixa" en todos vos tributos municipais.

Neste informe tributario madrileño, referido a 2015 -o último ano publicado-, en relación ao IAE Pontevedra está no posto 34 (en orde de maior cara impositiva a menor) e no resto de impostos os datos aínda son mellor co IBI (posto 42), viñeta (posto 43), ICIO (posto 41) e o tributo de plusvalías (posto 40).

O Concello, explicou González, descarta baixar as taxas e impostos porque "nós nos facemos demagoxia" e defendeu que hai servizos que se prestan aos cidadáns que correrían perigo se se reducen os ingresos municipais por estes conceptos.

Si haberá, en todo caso, certas revisións como a que se está realizando, a instancias dunha moción presentada polo PSOE, para cobrar máis ás empresas de telefonía e telecomunicacións que operan na cidade. Raimundo González explicou que nestes momentos os técnicos municipais están a elaborar un censo das antenas e microceldas que hai no concello para dalos de alta e proceder á súa liquidación.