Os lavadoiros de Caroi, Borela, Tenorio, Valongo e Corredoira serán rehabilitados

Cerdedo Cotobade
24 de outubro 2018

Actuarase nos mananciais cotobadeses de Abrevadoiro do Toxo, Senra, Cachadiña, A Coviña, A Casola, Lameiro e Portiño do Cobo

Obras no lavadoiro da Senra en Borela
Obras no lavadoiro da Senra en Borela / Concello de Cerdedo-Cotobade

O Concello de Cerdedo-Cotobade vén de comezar as obras da segunda fase do proxecto de rehabilitación e conservación de fontes e lavadoiros, que contará con sete actuacións que chegarán ás parroquias cotobadesas de Caroi, Borela, Tenorio, Valongo e Corredoira.

Estas restauracións, nas que se investirán 50.000 euros procedentes do Fondo de Compensación Ambiental da Xunta, dan continuidade á mellora de 14 mananciais en Tenorio, Augasantas, Carballedo, Corredoira, Loureiro e Borela realizada o pasado ano.

En concreto, agora vaise proceder á recuperación integral dos lavadoiros de Senra (Borela) e Portiño do Cobo (O Campo-Valongo), Fonte do Lameiro (Graña-Caroi) e dous fontelavadoiros de Cachadiña (Covas-Tenorio), Abrevadoiro do Toxo (Graña-Caroi), A Coviña (Anta-Corredoira) e A Casola (Casola-Caroi) con accións orientadas á mellora do ornato, a hixiene, a sinalización e o funcionamento e á substitución das pezas en mal estado.

Estes mananciais serán limpados con auga a presión, picados, rexuntados, sellados e dotados de novas cubertas, arquetas, canalizacións, tubos de evacuación e muros de contención e ademais procederase ao recambio de elementos deteriorados, acondicionamento dos estanques, saneado da contorna, mellora dos accesos, escalóns e empedrados, instalación de sinalización e realización de analíticas das augas.

Paralelamente a estas actuacións, o Concello tamén está acometendo na actualidade, a través da Brigada Municipal de Obras, unha restauración similar na Fonte do Castro (Viascón) ao abeiro do plan de infraestruturas desta parroquia.