Os locais de Bueu servirán tapas con títulos de películas coincidindo co FICBUEU

Bueu
09 de setembro 2021

O Concello de Bueu organiza, en colaboración co FICBUEU e a asociación de hostalería da vila, a VI Ruta das Tapas Cinco Estrelas, que se vai desenvolver entre o 10 e o 19 de setembro

Presentación da sexta Ruta das Tapas Cinco Estrelas en Bueu
Presentación da sexta Ruta das Tapas Cinco Estrelas en Bueu / Concello de Bueu

O Concello de Bueu organiza, en colaboración co FICBUEU e a asociación de hostalería da vila, a VI Ruta das Tapas Cinco Estrelas, que se vai desenvolver entre o 10 e o 19 de setembro.

A iniciativa naceu hai seis anos co obxectivo de unir o cinema coa gastronomía durante a semana do festival, de aí que todos os pratos leven o nome dunha película, explicou Silvia Carballo, a concelleira de Promoción Económica e Turismo durante a presentación da iniciativa, na que estivo acompañada de Nerea Lores, representante do FICBUEU, e de Manuel Agulla, presidente da asociación de hostalaría.

Carballo apuntou que "estamos encantados de realizar esta sinerxía co festival para que sigamos a gozar da nosa gastronomía".

En total participarán trece locais hostaleiros que ofrecerán os seus petiscos gastronómicos a un prezo de 2,50 euros. Poderán degustarse as tapas tanto ao mediodía como pola noite en Buena Vibra, Casa Quintela, Secretos del Mar, A Cepa, O Farol, Casa Benito, A Esmorga, Noite Tapas, Pyramis, Volver, Centro Social do Mar e O Ratiño Pequeno.

Manuel Agulla, en representación do sector hostaleiro, destacou que "esta ruta consegue espertar o interese e a curiosidade". Pola súa banda, Nerea Lores, do FICBUEU, fixo fincapé na participación do público do festival que "está moi atento á relación entre o cinema e a gastronomía".

Ademais de gozar da gastronomía local, a clientela terá a posibilidade de gañar un dos tres vales de 50 euros para consumir na hostalaría.

As persoas que desexen participar neste sorteo deberán completar o selado das cinco estrelas do cupón, ao ir degustando as diferentes propostas, e entregalo no despacho de billetes do festival.

Toda a información sobre os locais participantes, os horarios e as tapas, poderase consultar no web https://concellodebueu.gal/ruta-das-tapas-2021.