Os mandos da Policía Local de Pontevedra responderon este domingo ás acusacións realizadas polo sindicato Comisións Obreiras sobre un suposto trato discriminatorio da Xefatura deste Corpo cara a unha axente muller e sinalaron que as afirmacións sindicais son "carentes de todo fundamento, non se adaptan para nada a realidade, son radicalmente falsas".
A Xunta de Mandos da Policía Local, composta polos inspectores e inspectores principais do Corpo, fixo público un escrito no que fai constar a súa "total e absoluta discrepancia" coas manifestacións de CC.OO. Sinalan que "non é a nosa intención abrir ou manter ningún tipo de debate sobre o asunto", pero que queren "amosar a nosa postura e coñecemento estritamente profesional" diante das acusacións.
CC.OO., a través do seu voceiro, Antonio Millares, criticou duramente que unha policía que optou polo seu dereito a non facer o turno de noite ao cumprir os 55 anos foi arrebatada do seu posto na emisora da Xefatura e cre que se trata dunha situación de discriminación por cuestión de idade. Frente a estes cuestionamentos, os mandos policiais responde que "en ningún caso a decisión que se cuestiona pode ser tildada de arbitraria ou discriminatoria, nin por razón de sexo nin por razón de idade nin por ningunha outra razón".
Aseguran que a decisión "está perfectamente fundamentada e é axustada a dereito en todos os seus termos" e que, ademais, é a única posible desde o punto de vista organizativo, pois "todos os integrantes do cadro de persoal da policía son conscientes de que, no marco do actual sistema normativo e organizativo, calquera outra decisión distinta á adoptada prexudicaría a outros policías de xeito inmediato". Así mesmo, tería "graves consecuencias a medio e longo prazo", no momento en que outros policías esixisen igualdade de trato, "o que inevitablemente se traduciría nunha diminución na prestación dos servizos aos cidadáns e isto último é sinxelamente impropio e inasumible".
"Non é arbitraria ou discriminatoria, nin por razón de sexo nin por razón de idade nin por ningunha outra razón"
Ademais, aseguran que a decisión que se cuestiona non é nova no seno da policía, pois existen antecedentes non moi alonxados no tempo nos que un axente home se atopou na mesma situación e foi igualmente informado de que o exercicio lexítimo do seu dereito a non prestar servizo de noite era incompatible coa continuidade na unidade a que nese momento pertencía. "Non entendemos cal é a diferenza que agora se pretende establecer, pois precisamente o caso que nos ocupa recibiu un trato exactamente idéntico ao que se viña mantendo con anterioridade", engaden.
Os mandos policiais tamén mostran a súa "sorpresa" sobre as críticas de CC.OO. sobre o multamóbil, pois desde un punto de vista estritamente profesional "non entendemos como un sindicato de traballadores pode posicionarse en contra da mellora dos medios e recursos materiais postos a disposición dos policías para o exercicio da súa función".
Así, para eles resulta "incuestionable" que o multamóbil e outros medios técnicos de previsible adquisición "engaden un plus de obxectividade a unha parte moi importante do traballo diario dos policías, que é a denuncia das potenciais infraccións de tráfico". Ademais, "axuda a optimizar" a xestión dos recursos persoais e permite desenvolver novas actividades que incidan na mellora da seguridade pública.