Os médicos debaterán en Pontevedra os seus problemas éticos co aborto, a morte digna ou a eutanasia

Pontevedra
07 de novembro 2014

O Colexio de Médicos de Pontevedra, ao abeiro do Consello Xeral de Colexios Médicos de Galicia, acollerá este sábado, a partir das 10,00 horas, as I Xornadas Galegas de Deontoloxía e ÿtica Médica

Un grupo de médicos durante unha operación cirúrxica
Un grupo de médicos durante unha operación cirúrxica / Junta de Andalucía

O Colexio de Médicos de Pontevedra, ao abeiro do Consello Xeral de Colexios Médicos de Galicia, acollerá este sábado, a partir das 10,00 horas, as I Xornadas Galegas de Deontoloxía e ÿtica Médica.

Os obxectivos destas xornadas son confrontar, debater e poñer en actualidade temas da deontoloxía e ética médica que cada vez están máis en voga, como o anteproxecto da lei do aborto, a morte digna ou a eutanasia.

Segundo informaron dende a organización destas xornadas estes temas son cada vez máis demandados pola sociedade e existe un maior interese por parte dos médicos.

Cada vez existen máis rexistros nos que as persoas dan as instrucións de como queren morrer

Un dos temas principais que debaterán na mesa redonda, segundo destaca a entidade colexial, son as cuestións éticas en recursos limitados (medicamentos), "moi de moda debido aos recortes a todos os niveis, e que afecta a medicamentos oncolóxicos, medicación traumática, etc.", segundo precisaron.

Outro dos temas principais é o papel dos profesionais sanitarios en planificacións anticipadas, toma de decisións. Cada vez existen máis rexistros nos que as persoas dan as instrucións de como queren morrer.

Actualmente en Galicia hai 4.000 galegos que rexistraron as súas instrucións, o 60 por cento destas persoas son mulleres.