A Sociedade Galega de Medicina Interna celebrará en Pontevedra a súa cuadraxésima reunión anual que se desenvolverá entre os días 24 e 25 de maio no edificio Castelao do Museo. Este venres 23 a organización do evento reuniuse co alcalde da capital, Miguel Anxo Fernández Lores para presentar a cita científica e divulgativa.
Fernández Lores agradeceu a SOGAMI que escollesen a cidade para a celebración da convocatoria e expuxo que o Concello colaborará coa entidade, avanzando que se prevé ofrecerlles unha visita guiada para que coñezan o mellor posible Pontevedra e gocen da súa estancia na mesma.
Na presentación do congreso o alcalde estivo acompañado do doutor Luis Anibarro García, presidente do comité científico de SOGAMI e do doutor Manuel Núñez Fernández, presidente do comité organizador, quen agradeceu o apoio municipal e sinalou que "o obxectivo sempre foi facer todo o evento en Pontevedra, tanto charlas como aloxamento, comidas etc...".
Ao redor dun centenar de médicos internistas daranse cita nesta cidade para expoñer temas relevantes e de actualidade en Medicina Interna. Entre eses asistentes cóntase con algún dos nomes "máis internacionais" nalgunhas áreas desta especialidade médica para abordar cuestións como "procesos autoinmunes, doenzas infecciosas, ou tromboses".