Os menores de Poio seguen gozando do verán cos Espazos Concilia

Poio
26 de xullo 2024

Trátase de tres ludotecas gratuítas para as familias rexistradas e que permiten aos menores gozar de múltiples actividades mentres os seus proxenitores están a traballar

Menores do Espazo Concilia durante a visita á Policía Local
Menores do Espazo Concilia durante a visita á Policía Local /

Talleres musicais, talleres de igualdade, roteiros a pé pola Seca, momentos de praia en Campelo, ou visitas ás dependencias da Policía Local son actividades que durante esta semana gozaron os menores que participan nos Espazos Concilia do Concello de Poio.

Trátase de tres ludotecas, en Viñas, Espedregada e Isidora Riestra que se desenvolven neste contexto estival permitindo aos máis pequenos gozar do verán e ao tempo, que os pais poidan conciliar as súas vacacións coas obrigacións laborais.

A iniciativa ademais é gratuíta para as familias rexistradas xa que o custo da iniciativa está cofinanciado polo Concello e unha subvención da Xunta de Galicia.

A concelleira de Benestar, Natividad Torres, que supervisou a correcta marcha destas ludotecas, sinalaba que "queremos ofrecer un servizo de calidade para as familias que confían nestes Espazos Concilia, pero tamén queremos que estas experiencias sexan divertidas para os máis pequenos".