Os mercados de Pontevedra e Cambados celebrarán o Día de Europa homenaxeando a cociña das avoas

Pontevedra
05 de abril 2023

Os centros integrados de formación profesional Carlos Oroza e Manuel Antonio servirán as tapas das degustacións que terán lugar entre o 19 de abril e o 4 de maio en Redondela, Cambados, Pontevedra, Tui, Baiona e Vigo

Iria Lamas e Ana Laura Iglesias presentaron a iniciativa "Degusta Europa"
Iria Lamas e Ana Laura Iglesias presentaron a iniciativa "Degusta Europa" / Deputación de Pontevedra

A Deputación pon en marcha unha nova edición de "Degusta Europa", un programa co que a institución provincial conmemora o Día de Europa, efeméride que recorda cada 9 de maio a firma da "Declaración de Schuman" (1950), a través de degustacións gastronómicas en mercados e prazas de abastos da provincia.

Os concellos de Redondela, Cambados, Pontevedra, Tui, Baiona e Vigo acollerán esta iniciativa entre o 19 de abril e o 4 de maio.

A deputada provincial, Iria Lamas, explicou en rolda de prensa que farase "unha homenaxe á gastronomía das nosas avoas, volvendo á orixe da cociña das Rías Baixas, recuperando receitas tradicionais e reinterpretándoas con produtos locais". Contará, para elo, coa colaboración do alumnado e o profesorado dos centros integrados de formación profesional (CIFP) Carlos Oroza, de Pontevedra, e Manuel Antonio, de Vigo. Todas as actividades terán lugar entre as 11.00 e as 12.00 horas.

O alumnado do CIFP Carlos Oroza será o encargado de elaborar os menús de Redondela, Cambados e Pontevedra, que contarán con dous pratos salgados e, nos tres casos, larpeira de sobremesa e ponche de Sansón e queimada 4.0. para beber. 

Así, o xoves 20 de abril "Degusta Europa" chega á Praza de Abastos de Cambados con zamburiña gratinada e mexillóns á crema, e o venres 21 de abril ao Mercado de Abastos de Pontevedra con empanada de bacallau con pasas e torrada de sardiña con pementos e patacas.