Os nenos, protagonistas dos actos do 25-N en Bueu

Bueu
30 de outubro 2017

A celebración trasladarase ao 24 de novembro para fomentar a participación dos centros educativos da vila, que para o goberno municipal son o piar fundamental á hora de traballar esta data dende o Centro de Información ás Mulleres

Concentración escolar contra a violencia de xénero en Bueu
Concentración escolar contra a violencia de xénero en Bueu / Concello de Bueu

A programación que o Concello de Bueu ten preparada para conmemorar o 25 de novembro, día internacional contra a violencia de xénero, terá este ano como protagonistas aos máis novos. Así se reflicte na proposta presentada pola concellería de Igualdade.

A celebración trasladarase ao 24 de novembro para fomentar a participación dos centros educativos da vila, que para o goberno municipal son o piar fundamental á hora de traballar esta data dende o Centro de Información ás Mulleres. 

Así, ás 11.40 horas, haberá unha concentración en memoria das vítimas da violencia machista na Alameda do Concello, no que todos os asistentes gardarán un minuto de silencio como repulsa ante todo tipo de violencia e, en especial, á que se exerce sobre as mulleres.

Xa ás 12 horas, o alumnado do CEIP Montemogos de Beluso será o encargado de realizar a declaración conmemorativa, e a continuación farase entrega dos premios do XV Concurso de Carteis contra a violencia de xénero, aos gañadores dos centros de primaria, ESO e bacharelato.

Tamén desde o CIM se están impartindo polos centros da vila unha serie de obradoiros de violencia de xénero, sobre temáticas como ciberacoso, roles e estereotipos, control nas relacións de parella e novas masculinidades.

O traballo de reflexión e debate que se está levando a cabo arredor do poemario Dos días escuros de María Carmen Caramés Gorgal; ou a proxección das curtas confeccionadas polo alumnado durante o pasado curso no marco do proxecto Expresarte!, o 18 de novembro, son outras das actividades.

Ademais, entre o 17 e o 27 de novembro, expoñeranse nos centros educativos os carteis presentados no concurso de carteis, así como fotografías, murais e siluetas de mulleres e corazóns con frases a favor da igualdade e a non violencia e de apoio ás vítimas desta lacra social. 

Na biblioteca municipal, pola súa banda, colocaranse mesas con todo o material bibliográfico sobre a temática da violencia á muller e a consecución da igualdade.