Os organizadores dos premios TeenTech concédenlle a medalla de ouro ao Sánchez Cantón

Pontevedra
06 de xullo 2017

A distinción recíbena os centros británicos despois de enviar unha solicitude a TeenTech e concédese de forma excepcional en virtude duns requisitos moi esixentes que o colexio ou insituto debe cumprir. De feito, só seis centros británicos posúen a distinción actualmente

Paso dos alumnos do Sánchez Cantón polos premios TeenTech en Londres
Paso dos alumnos do Sánchez Cantón polos premios TeenTech en Londres / IES Sánchez Cantón

O paso dos alumnos do IES Sánchez Cantón polos premios TeenTech 2017 en Londres segue a colleitar recoñecementos. Xa recibiron a medalla de prata cando os dous grupos de escolares pontevedreses foron seleccionados para asistir á fase final e agora acaban de comunicarlles que recibirán a medalla de ouro como centro de innovación e creatividade

Segundo informaron fontes oficiais do instituto, os profesores responsables dos grupos de alumnos que asistiron á fase final de TeenTech en Londres recibiron o 5 de xullo un correo electrónico persoal de Maggie Philbin, CEO de TeenTech, no que lles comunicaba que lle outorgaban esta medalla 'Gold'.

A distinción recíbena os centros británicos despois de enviar unha solicitude a TeenTech e concédese de forma excepcional en virtude duns requisitos moi esixentes que o colexio ou insituto debe cumprir. De feito, só seis centros británicos posúen a distinción da medalla de ouro actualmente.

No caso do Sánchez Cantón, non o solicitou e concedéronllo igualmente. Ao respecto, desde o centro valoran que o feito de que fora a propia organización de TeenTech quen decidese concedela "dá imaxe da importancia e valoración que fai TeenTech da participación dos dous grupos de alumnos do IES Sánchez Cantón".

Na súa carta persoal, Maggie Philbin destaca a "profunda impresión que lle causou" o nivel dos proxectos presentados polos alumnos e o grao de implicación do centro e os profesores no concurso TeenTech.

A medalla Gold concedida ao IES Sánchez Cantón súmase á concesión, aos alumnos que integraban os grupos participantes, de medallas Gold como embaixadores TeenTech.