Os orzamentos da Xunta son valorados como: bos, discriminatorios ou unha tomadura de pelo

Pontevedra
21 de outubro 2014

Os voceiros dos grupos municipais do Partido Popular, BNG e PSOE en Pontevedra, Jacobo Moreira, César Mosquera e Antón Louro valoran os Orzamentos da Xunta de Galicia para o ano 2015

Presentación do proxecto de orzamentos da comunidade galega para 2015
Presentación do proxecto de orzamentos da comunidade galega para 2015 / Xunta de Galicia

Para o voceiro do grupo municipal do Partido Popular en Pontevedra, Jacobo Moreira, os orzamentos da Xunta de Galicia para o ano 2015 "son bos".

Moreira alegrouse de que, por terceiro ano, o Executivo galego siga consignando cartos para o edificio xudicial da Parda. E criticou que "as grandes obras da Xunta para Pontevedra: o Hospital e o Edificio dos Xulgados están paralizados por culpa do Concello", afirmou. "Non se están a executar porque o Concello non quere", engadiu.

Pola súa banda, o portavoz do grupo municipal do BNG, César Mosquera, asegurou que os orzamentos da Xunta son unha "sorpresa desagradable".

O voceiro nacionalista lamentou a desaparición das inversións previstas para Pontevedra "nin sequera se estiran un pouquiño para apoiar ao seu candidato", sinalou en referencia a Jacobo Moreira.

"Xa é tradicional, dende que o PP está na Xunta, que o tratamento que se fai con Pontevedra sexa francamente discriminatorio", dixo Mosquera.

"O tratamento que se fai con Pontevedra sexa francamente discriminatorio", dixo Mosquera

Entre outras inversións que o goberno local bota en falta están o Hospital único, o saneamento do rural, a mellora das infraestruturas viarias, o transporte metropolitano, o instituto Carlos Oroza, a reforma do colexio Froebel, o novo colexio de Valdecorvos, o dragado da ría, a Área de Rehabilitación do Centro Histórico, e o edificio dos xulgados.

Pola súa banda, o portavoz do grupo municipal socialista, Antón Louro, considera que os orzamentos da Xunta de Galicia para o ano 2015 son "unha auténtica tomadura de pelo para os pontevedreses".

"O presidente galego, Alberto Núñez Feijoo, debería ter a coraxe política de vir a explicar a Pontevedra unhas contas nas que os gastos reais, máis alá do pago de salarios, fotocopias e mantemento son cero", dixo Louro.

Louro: "Unha auténtica tomadura de pelo para os pontevedreses"

Coincide o voceiro socialista cos nacionalistas nas súas críticas ás contas da Xunta, engadindo que para el "o máis grave" é a ausencia absoluta de políticas activas de emprego en Pontevedra con cargo á Administración competente, que é a Xunta.